Sunday 19 de May de 2024

Unha nova edición do ciclo teatral de novembro leva catro funcións ao Elma


As artes escénicas regresan ás táboas do Elma cun novo ciclo teatral que terá lugar aos domingos do mes de novembro, ás 19.00 horas. Catro compañías asumirán o labor de desenvolver esta axenda que organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. “A programación deste ano aglutina obras de distinta índole, coas cales rir, pero tamén hai oco para a reflexión e a sensibilización a través da arte. Isto exemplifícase na do terceiro domingo de mes, que destaca non só polo contido social que se vai tratar, senón tamén por quen a levará á escena, pois é froito do traballo conxunto dunha entidade sen ánimo de lucro e dúas cooperativas”, indica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, xunto coa técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, quen detalla o argumento de tódalas funcións, coa entrada libre ata completa-la cabida. A edil engade que, a este programa destinado ao público xeral, hai que lle sumar outras dúas sesións dirixidas exclusivamente a estudantado da secundaria e dos ciclos, no horario lectivo.

Fulano, Mengano e Citano inaugurará o cartel no día 5 con O que hai que ver; unha montaxe retranqueira que fará rir do propio e do alleo. Trátase dunha comedia que lle subministrará alegría ao público e convidará a pensar, pero cun sorriso. Humor, historias sorprendentes, teatro sen trucos e canción ao vivo son os ingredientes principais.

No día 12, Bucanero achegará a súa Sesión continúa, unha homenaxe ao celuloide que fará un percorrido por filmes como 2001: unha odisea no espazo, O resplandor, Pulp Fiction, Febre do sábado noite, Instinto básico ou Psicose, entre outros. O deseño das luces e o traballo das actrices e actores son os piares desta aposta innovadora.

A terceira peza para representar será Soños a cargo de Artefeito+Culturactiva+Igaxes, no día 19, que se centrará na situación da mocidade tutelada de xeito integral. A escrita provén do contacto directo do autor, Fernando Epelpe, e da directora, Tamara Canosa, con rapaces e rapazas de vivendas tuteladas, que levan as súas experiencias ao escenario cun contido realista e directo que reflicte algúns dos obstáculos que afrontan no seu día a día. Ademais, o respecto ás distintas culturas é outro dos temas que se vai tratar.

Por último, Producións Teatrais Excéntricas amosará unha adaptación de O porco de pé, a novela de Vicente Risco, no domingo 26. Aquí, o porco, animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostra-la súa superioridade sobre os seres humanos. A compañía presenta así un teatro de barracón, aquel que, na infancia, fascina e asusta en partes iguais.

No que respecta ao apartado do público educativo, alumnado do IES pobrense e do CPR Divino Maestro asistirá na xornada do 16, Día Internacional para a Tolerancia, a Brokeback Sabucedo, de Sal do Teatro. Aborda a diversidade sexual no ámbito rural galego, tomando a Rapa das Bestas de Sabucedo como lugar no cal se desenvolve a trama.

E, no día 20, o instituto regresará ao Elma como público da xa referida función Soños, de Artefeito+Culturactiva+Igaxes.